Fillas de Cassandra non se dormen tras o éxito do seu disco “ACRÓPOLE” e encaran unha nova era co seu espectáculo “Últimas Dionisíacas”… É o momento perfecto para entrevistalas.
“ACRÓPOLE” (Tremendo Audiovisual, 2023), o primeiro disco de Fillas de Cassandra, está a piques de cumprir un ano. Dende entón, o percorrido persoal e artístico vivido por María Pérez e Sara Faro foi vertixinoso e tan sorprendente que nin elas cren que chegarían ó momento no que se atopan hoxe, centradas na estrea do espectáculo “Últimas Dionisíacas”, que se celebrará o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo -a súa cidade natal- e para o que xa están esgotadas as entradas dispoñibles. Todo un éxito que reflicte o ascenso imparable de Fillas de Cassandra, convertidas nun auténtico fenómeno musical e sociolóxico en Galicia.
Concerto a concerto, dentro dunha xira que as ocupou todo o 2023 e que as levou por distintos lugares e eventos ante un público cada vez máis amplo e diverso, Sara e María confirmaron que a corrente da nova música galega -na que a tradición e a modernidade se cruzan-, xerminada hai uns anos e impulsada por Tanxugueiras, non é unha moda pasaxeira, senón unha onda asentada sobre un sólido substrato que parte dos seus artistas protagonistas e se estende ó seu público de forma simbiótica. O mellor exemplo desta relación é Fillas de Cassandra, que conseguiron transformar as lendas sobre heroínas da mitoloxía grega clásica que dan significado a “ACRÓPOLE” en mensaxes sobre a opresión machista que sufriron as mulleres ó longo dos séculos capaces de atravesar todo tipo de orellas, incluidas as masculinas.
Porén, o alcance de “ACRÓPOLE” e o impacto das súas actuacións en directo, caracterizadas pola súa paixón, emoción e conexión co público, non fixo que Fillas de Cassandra freasen o seu ritmo, senón que seguiron ampliando o seu discurso e explorando outras vías de expresión con máis cancións, como fixeron con “Tola” (unha oda reguetoneira á autoafirmación e á autoestima femininas), “Tataravoa” (homenaxe ás raíces familiares) ou “Canta Miña Sombra (Negra Sombra)” (revisión do poema de Rosalía de Castro e da versión popularizada por Luz Casal). E, ó mesmo tempo, colaboraron con Mondra, ZETAK ou Chungo Pastel, mostra de que o seu estilo era flexible e permeable a diferentes sons. Aí reside a grande virtude de Fillas de Cassandra, sempre dispostas a evolucionar no estudio e en directo, como demostran “Últimas Dionisíacas”, segundo elas mesmas, “unha invitación á celebración colectiva e catártica”.
Neste show escénico e musical, María e Sara relerán as pezas máis simbólicas de “ACRÓPOLE”, repasarán os sinxelos posteriores e ofrecerán algunhas cancións inéditas que poderán ser gravadas… ou non. Porque a idea de partida de “Últimas Dionisíacas” baséase no ‘aquí e agora’, nun momento que só pode ser gozado en persoa e gardado na memoria (e no corazón). Para materializar esta proposta, Fillas de Cassandra estarán acompañadas por Tania Caamaño e Marina Vidal, que as axudarán a multiplicar os ecos do piano, do bombo legüero, das pandeiretas, do pandeiro, do violín e das harmonías vocais no medio das bases electrónicas que definen o son do dúo vigués.
Inmersas de cheo nos ensaios de “Últimas Dionisíacas”, falamos con Sara e María antes de afrontar con este espectáculo o peche dunha etapa apoteósica e o inicio dun novo capítulo na fulgurante historia de Fillas de Cassandra.
Xa vai facer un ano da saída de “ACRÓPOLE”… Lembro o concerto de presentación en Vigo na sala Mondo, no que contastes emocionadas que estabades a cumprir un soño que nunca imaxinarades que podería chegar a ser realidade. (María) Sí, é surrealista… Para nós aquel momento foi sorprendente, despois de tocar en Vigo na Kominsky, na que entraban pouquiñas persoas, ó ano seguinte facelo nunha sala do tamaño da Mondo.
E hai que sumar todo o que vos foi pasando durante os últimos meses. (María) Claro, visto en perspectiva este ano foi unha auténtica tolemia.
Ademáis, non se debe esquecer como naceu o voso proxecto, dunha maneira espontánea e moi particular. Ó igual que se di do amor, foi a vosa unha amizade a primeira vista? (María) Sí o foi realmente, porque non nos coñeciamos antes de nada. Chegou o día en que nos atopamos e xa non paramos de falar, de cantar e de compoñer e nos dixemos “pois a cousa vai ben”.
Con todo, non é doado que xurda tanta química entre dúas persoas inmediatamente e a relación, sexa cal sexa, vaia cara adiante. (María) Totalmente, foi como un amor cego. Obviamente, agora hai máis enfados que ó principio, agora xa non cedemos [risas], pero construir a amizade en paralelo ó proxecto foi algo súper guai.
Repasando como empezou e avanzou a vosa traxectoria compartida, penso que non somos plenamente conscentes de ata que punto as casualidades marcan a nosa vida… (María) Isto tiña que pasar, máis cedo ou máis tarde ía pasar.
Resumindo: non vos coñeciades, vos xuntastes e empezastes a traballar as dúas rápidamente. Foi un proceso, por definilo dalgunha maneira, inesperado. (Sara) María e máis eu non sabiamos quenes eramos, non cadraramos nunca persoalmente, aínda que si nos falaran a unha da outra. Podería dicirse que era algo predestinado, pero cando nos coñecimos non sabiamos que eramos nós. Ou sexa, máis ca unha casualidade, a nosa unión foi unha causalidade. Despois puxémoslle ilusión, esforzo e vontade véndonos unha vez á semana e dúas horas pola noite. Nese tempo foi no que práticamente compuxemos todo o disco e logo xa saímos á estrada.
Xustamente, despois da publicación de “ACRÓPOLE”, comezastes a dar concertos sen parar ó longo de 2023. Ese ritmo frenético foi a demostración da vosa progresión ata convertervos nun fenómeno en Galicia. (Sara) Falar neses termos parécenos unha loucura [risas]. Antes de publicar o disco estivemos un verán viaxando coa furgoneta de María para actuar nas vilas. (María) Iamos a cada lugar, tocabamos, ceabamos e durmiamos alí. A xente falaba a outra xente para que nos vise e era súper emocionante. O feito de máis adiante profesionalizarnos, contar cunha persoa que nos organizase os concertos e que nos levase facíanos pensar “madre mía, qué lujo, qué pijas, ¿no?” [risas]. Non ter que colocar un cable nin facer nada semellante para min era surrelista, cando levaba toda a vida montando as cadeiras para que se sentase o público… Agora, chegamos e tocamos. É o único que temos que facer e parécenos marabilloso.
Esa é a parte que a xente non ve e á que tamén tivestes que acostumarvos. (María) Sí, pero para ben, por suposto. Co traballo artístico que require o proxecto, se agora tivese que levar un piano en tren unha hora para ensaiar, non me daría a vida… Ter a posibilidade de seguir profesionalizándonos nese ámbito é unha sorte. (Sara) Fillas de Cassandra supón moito máis traballo que hai dous anos.
Nos directos que destes apreciouse perfectamente o efecto das vosas cancións. Foise notando que o público, a medida que vos escoitaba, sentíase moi identificado. (Sara) Foi unha cousa sorprendente porque sacamos un disco baseado na mitoloxía grega actualizada, aínda que nacida hai miles de anos. Pero, igual ca nós conectamos coas vivencias daquelas mulleres que se convirtiron en heroínas clásicas, o fixeron moitísimas persoas. A iso hai que engadir a nosa forma de ser en directo, percíbennos como cercanas porque, en realidade, somo así. Á mínima que podemos nos tiramos do escenario para bailar coa xente. Logo súmanse a nosa enerxía e a maneira que temos de comunicarnos entre nós mesmas e co público, que se sinte dentro dos nosos concertos, como parte do que facemos.
Un público, ademáis, que é transversal e interxeneracional, vai máis aló do xénero, da condición, da procedencia… (María) Está guai. Por exemplo, ós nosos concertos viñeron adolescentes cos seu pais, non ocorría o típico caso de dicir “non quero estar aquí co meu pai, que vergoña” [risas], porque ós pais tamén lles gustaba a nosa música. Houbo persoas de diferentes idades que se fixeron amigas doutras e despois se xuntaban e nenos pequenos en primeira fila súper atentos. Ou viamos as nosas avoas ou xente maior bailando coas mans erguidas mentres soaba un ritmo tecno de fondo. (Sara) Dende o escenario vese un panorama interesante, unha mostra diversa e heteroxénea da sociedade [risas].
A vosa mensaxe é explícitamente feminista e a transmitides cun espírito activista, pero tamén poético. Simultáneamente, invitades a pensar e a bailar. Da a sensación de que o voso traballo é máis necesario ca nunca tal como está a situación hoxe en día. (Sara) Sempre penso que, independentemente da época na que nos atopemos, cada momento é o máis importante para comunicar estas cousas. Espero que algún día deixe de ser ese momento… Pero, vendo como está en xeral o panorama político e o retroceso que houbo a nivel social e en moitos aspectos, para nós un dos grandes triunfos de Fillas de Cassandra é a transversalidade do noso discurso, que pode escoitarse nunha manifestación feminista, no campo de Balaídos o nun colexio relixioso. Dalgún xeito vai quedando ese pouso. Cantas un tema como “Tataravoa” pensando que non fala de nada pero realmente trata de todo o traballo das nosas antergas e de como chegamos aquí grazas a elas. (María) En ningún momento quixemos pór lemas sobre a mesa, simplemente contar as nosas historias dende a nosa perspectiva. Penso que a audiencia non o sinte coma unha imposición, senón coma algo que pode cantar e que, ó mellor, resoa na súa cabeza.
De feito, coa vosa música incitades a que mulleres e homes, rapazas e rapaces, profundicen no feminismo, se adentren na súa historia e o compredan na súa totalidade. (María) Agora xa non tanto, pero ó principio nos chamaba a atención que tamén houbese homes, adolescentes e doutras idades, que nos dixesen que se sentían identificados co noso proxecto. Dentro dun discurso feminista é chulísimo que nos digan isto porque significa que as nosas palabras non se consideran un ataque, senón unha forma na que se conta una historia na que eles poden sentirse coma unha das súas personaxes sen ser a parte mala.
É dicir, que o home non é sempre directamente un elemento negativo dentro desas historias, esa condición pode revertirse e verse de maneira positiva. (María) Claro, iso é.
Resulta impactante comprobar como as lendas da mitoloxía grega que inspiraron “ACRÓPOLE” sobre as mulleres do mundo antigo se manteñen intactas, aínda que adaptadas, no presente. (Sara) Son clásicos universais, independentemente do momento histórico en que nos atopemos, e dalgún xeito seguen vixentes, pero desexamos que algún día deixen de estalo. O proceso que fixemos cando coñecimos as historias de Cassandra, de Dafne, de Syrinx e de todas as mulleres que nomeamos no disco consistiu en conectalas coas nosas vivencias, obviamente, actualizadas. (María) Iso sí, non lemos o futuro como Cassandra. (Sara) Case, pero non [risas].
No voso discurso tamén hai moita carga política, o que conleva que haxa unha parte negativa en forma de ataques contra os pensamentos e as opinións que expresades nas redes sociais. (Sara) Quizáis somos o grupo con menor hate que coñecemos… Sí que sucederon anécdotas concretas, coma no final dun concerto cando se nos achegou un home a dicir “ya sabéis que la guerra de Troya la inició una mujer”. Como moito, poderíamos ver coma un fracaso propio non conseguir que unha persona así reflexionase sobre esa cuestión e se quedase soamente co superficial do que estamos contando. Pero non recibimos tantas críticas contra o discurso en sí. A sensación é máis ben positiva polos moitísimos homes e moitísimas mulleres que nos escoitan. Incluso nos contratan en lugares onde igual ideolóxicamente non están de acordo con nós.
Lendo algunhas das respostas bruscas ás vosas mensaxes, víñame á cabeza o paralelismo co caso de Tanxugueiras por defender a muller, a lingua e a identidade galegas. (María) Creo que lles tocou comelo todo a elas… Nese senso, o que recibimos nós non o consideramos crítica en ningún momento, por iso dicimos que non é hate. Aí podese meter esa comparación, tanto para ben coma para mal, que se nos fai ás veces con respecto a Tanxugueiras. Pero non o tomamos como unha crítica porque elas para nós son referentes. Se a alguén lle gusta máis o noso proxecto, estupendo. Se resulta que é menos, tamén o entendo porque a min encántanme Tanxugueiras.
Por outra banda, houbo un momento no que recoñecestes que sodes neofalantes de galego. Condicionouvos esa confesión dalgunha maneira ou tomouse con naturalidade? (María) Moita xente agradeceu que o dixeramos. Por exemplo, dame moitísima vergoña -e llo dicía a Sara estes días- o trauma que teño co uso dos pronomes. Aínda hai erros que cometemos, pero precisamente o contamos para que as persoas que estean comezando a falar galego o sigan facendo e saiban que así pódese compor música e que é posible integrar o galego nas súas vidas. (Sara) Tampouco hai que ser unha erudita da lingua.
O que comentades vincúlase co que está a pasar en Galiza. Hai un desexo e unha necesidade crecentes de escoitar novos sons e novas músicas prantexadas dende as raíces propias e cantadas na nosa lingua. (María) A xente sinte que é algo seu e que existe a opción de ir a concertos de música en galego con artistas que cantan en galego. Ten a sensación de que é familiar, de que pertence a algo que lle é próximo. Galiza non é tan grande e así se crea unha comunidade. (Sara) Nesta época, esa dinámica axúdanos a sentir máis preto a nosa identidade como pobo, a sentir que pertencemos a algo que ven de atrás e que ten que ver coa música tradicional e fai que nos arraiguemos ó que sentimos como noso nun mundo cada vez máis globalizado.
Moitos artistas autóctonos, sobre todo os máis recentes, non teñen medo nin rexeitan usar o galego como idioma compositivo. (María) Isto é cíclico, xa pasou noutro momento, e agora vívese outra vez. Pódese falar en galego de todo, dun amor ou do que comiches hoxe. Non hai que reivindicalo necesariamente, senón que é algo absolutamente normal.
Formades parte dunha corrente que está a renovar as tradicións musicais en toda España e, especialmente con moita forza, en Galiza. Cómo vos vedes dentro desa nova onda musical? (María) Xusto sacamos hai unhas semanas un tema con ZETAK [titulado “ANGULEELE”], a medio camiño entre Navarra e País Vasco, que cantan en euskera e mesturan tamén elementos da súa tradición. Se puidesemos facer o mesmo con outras persoas tipo Marala ou otros grupos semellantes, sería xenial para ver como conectaríamos todas. (Sara) Recibimos peticións de medios de comunicación a nivel nacional porque hai un interese, estanse dando conta de que hai un fenómeno fervendo nas nacións históricas, coma Euskadi, Catalunya ou Galiza. E en Andalucía tamén, estou pensando en La Plazuela. (María) Pero esta corrente non ten que ver só co idioma, senón coas raíces de cada sitio. (Sara) E os elementos tradicionais de cada lugar poden conectarse entre sí.
Como conxugades e enfocades esa combinación de tradición e modernidade? Na teoría, parece doada porque o resultado queda moi natural, pero na práctica ese proceso é máis compricado… (María) En “ACRÓPOLE” hai tres ou catro cancións que non teñen nada de tradicional máis que a pandeireta de entrada. Hai cancións que parten dunha copla, dunha idea ou dunha letra tradicionais, tiran un pouco máis por ahí e mesturámolo co que nos gusta. Pero esa non é a intención inicial; se sae así, está ben. (Sara) Para nós non é unha preocupación agora mesmo se unha canción non ten unha copla tradicional -no noso caso non collemos prácticamente coplas tradicionais-, non pasa nada, deixámonos levar polo que soa ben e nos apetece facer. Por outra banda, moitas veces non compoñemos a partir de algo que xa exista, senón que pode ser que imitemos a maneira de estructurar a música tradicional, pero tanto as coplas coma as melodías son novas.
Pensades que estades a axudar a que a mocidade probe a cantar e a tocar música tradicional galega? (Sara) Unha cousa e a outra retroaliméntanse. Se fas música que mestura a modernidade co tradicional, interesaste por detalles -como saber de onde procede certo retrouso- que che levan a coñecer a raíz propiamente. É certo que se nos ten achegado xente ó final dos concertos -falando con Tanxugueiras, a elas pasoulles o mesmo- que nos comenta que se meteu en clases de pandeireta porque lle apetecía tocar as nosas cancións e aprender a tocar o instrumento.
Unha vez editado “ACRÓPOLE”, publicastes posteriormente cancións como “Tola”, “Tataravoa” ou “Canta Miña Sombra (Negra Sombra)” formulándoas doutra maneira para ampliar o voso particular universo. (María) Creo que esas dúas concretamente, “Tataravoa” e “Tola” -a versión de “Negra Sombra” non tanto-, sí que conservan a liña explícita dese feminismo do que falabamos antes relacionado con “ACRÓPOLE”, aínda que non teñen nada que ver coa temática dos mitos. A nivel estético, por exemplo, “Tola” é un reguetón. Así que as seguintes cousas que publiquemos terán sempre esa ollada feminista, mais tirarán por outros lados.
Polo camiño, estivestes entre as finalistas nos Premios Martín Códax da Música 2023 na categoría de Artista Emerxente e gañastes o galardón de aRi[t]mar 2023 á Mellor Música do Ano por “LISÍSTRATA (Varre Vasoira)”. (María) O do premio aRi[t]mar foi unha enorme sorpresa porque as cancións que competían alí son das nosas favoritas. (Sara) Nós votamos por outras que non eran a nosa [risas]. (María) Foi unha alegría conseguir ese recoñecemento.
E fostes favoritas do público para representar a España en Eurovision 2024, aínda que non participaredes na vindeira edición do Benidorm Fest. Gustaríavos algún día dar ese salto eurovisivo? (María) Estivemos a nada de participar, tivemos a posibilidade de estar este ano alí case directamente. (Sara) A posibilidade tanxible. (María) Pero dixemos que non porque non queriamos. Algo así non vai acontecer polo de agora porque apostamos por outras vías. É un paso importante, aínda que prefirimos continuar co traballo que estabamos facendo, que era orgánico para chegar a Europa doutro xeito. Paréceme incrible o que fixeron Tanxugueiras con respecto a Eurovision no seu momento e é xenial que haxa participación galega. Pero, concretamente nós, como nos encanta o traballo duro -parece masoquista dicilo [risas]-, queremos que sexa progresivo.
Falando do voso próximo espectáculo, “Últimas Dionisíacas”, cal é a súa orixe e como é o seu prantexamento? (Sara) Unha vez pechado “ACRÓPOLE”, dixémonos que había temas que non nos apetecía seguir cantando, criamos que tiñamos que avanzar e ofrecer novas cousas. Levabamos case dous anos xirando con algúns temas, entón nos propuxemos deseñar un espectáculo diferente. Como non tiñamos un novo disco, apostamos por recuperar cancións de “ACRÓPOLE” ás que lles aplicamos a experiencia acumulada de todos os directos anteriores e cousas que queriamos probar enriba dun escenario. Tamén queriamos ir adiantando algo dun posible novo traballo… (María) E cousas inéditas que son efémeras, que só van pasar nese concerto e nunca máis.
A intención, polo tanto, é non editar eses temas exclusivos para o show. (Sara) Non sei… (María) Poden gravarse despois se nos apetece. Fixemos, por exemplo, algún canto ideado únicamente para que no concerto a xente o escoite e, se quere, o grave co móvil e logo o aprenda. O concepto é semellante ó dunha obra de teatro, no senso de chegar alí e prestar atención sen necesidade de saberse antes as cancións e as súas letras.
En “Últimas Dionisíacas” contaredes con colaboracións… Podedes revelar algunha? (María) Principalmente iremos acompañadas -isto é importante- de dúas músicas, Tania Caamaño e Marina Vidal, porque apostamos por unha parte máis electrónica e, ó mesmo tempo, por outra máis acústica para que resoen todas as voces. (Sara) Sobre as colaboracións, houbo un momento no que nos plantexamos anuncialas públicamente, pero decidimos que fose unha sorpresa. (María) Non hai máis que ver os nosos últimos temas e os últimos acontecementos para facerse unha idea…
Xusto neste intre creo que está confirmado que tedes todo o aforo vendido do hall do Auditorio Mar de Vigo para o espectáculo. (María e Sara) Sí, publicouse agora mesmo.
E que vos parece esa noticia? (María e Sara) Outra loucura. (María) Xa ía ser un fiestón e agora sabendo que irá toda esa xente para vernos con gañas e coas gañas que temos nós, pois imaxínate…
“Últimas Dionisíacas” pode significar o fin dunha etapa e a apertura doutra en Fillas de Cassandra? (María) O show é coma unha despedida. (Sara) En realidade, sempre dicimos que temos novos comezos. Ou sexa, as cosas rematan ou non, pero despois virá un novo comezo. (María) Sí que será o peche das festas de “ACRÓPOLE”, xa está ben de Grecia [risas].
Antes suxeristes que algunhas das cancións inéditas poden estar incluidas ou servir para pensar nun futuro disco… (María) Non temos claro se vai ser un disco ou calquera outra cousa… Hai cancións que agora pensamos que poden estar no seguinte disco, pero igual máis adiante tomamos unha decisión diferente. Estamos tanteando, pero seguro que algo vai haber. (Sara) Como mínimo van ser, probablemente, disparadores doutras ideas. Eses temas poden ser unha semente para comezar outro traballo. [FOTO “Últimas Dionisíacas”: Sabela Andrés] [FOTOS “ACRÓPOLE”: Santi Iglesias] [Máis información no Instagram de Fillas de Cassandra]